EL PUEBLO
 

XEOGRÁFICA
Superficie: 35,9 km²
Población: 5.000 habitantes
Parroquias: A Rúa de Valdeorras (Santo Estevo)Roblido (San Xoán)San Xulián (San Xulián)

O concello da Rúa forma parte da comarca de Valdeorras situada ao nordeste da provincia de Ourense. Linda cos concellos de Petín e Vilamartín de Valdeorras polo leste, ao sur co de Larouco, polo norte co municipio de Vilamartín de Valdeorras e co termo municipal lugués de Quiroga, co que tamén linda polo oeste.

Ao norte do municipio encóntranse as terras de maior altitude, superando en moitos puntos os mil metros: Lagoa Grande ( 1242 m.), Pincheira ( 1139 m.) e A Torrenta ( 1134 m.). Isto é debido a que aquí están a Serra dos Cabalos, os Montes de Cereixido e a Serra de Enciñeira da Lastra. O sur está marcado pola conca do río Sil que forma un fermoso val. A el van parar as augas de numerosos regueiros e é o que desalaga a veiga da Rúa. As súas augas están encoradas na presa de San Martiño.

Os cumios do norte e oeste impiden o paso das borrascas atlánticas o que dá lugar a un clima suboceánico que presenta trazos continentais e mediterráneos marcados polas escasas choivas, sendo un dos lugares da Comunidade Galega nos que menos precipitacións se recollen, as fortes xeadas, néboas, unha temperatura media de 15,6 graos e a seca de verán. Isto influíu na vexetación caracterizada polas enciñeiras, as sobreiras e árbores frutais que se mesturan con soutos, carballeiras e piñeirais.

 
 
HISTORIA
Hai que dicir que a historia deste municipio estivo sempre moi vencellada á da comarca de Valdeorras. Así, segundo os historiadores romanos Plinio e Ptolomeo, os asentamentos humanos que se estaban situados nestas terras eran os 'Gigurros' ou 'Egurros', un dos 22 pobos que pertencían ao Convento Xurídico Asturicense. Como entidade de poboación máis antiga da comarca tense dito que foi a de Cigurria, localizada na Rúa, ( a 'Forum Gigurrorum' romana), que sería o centro político dos Gigurros. Neste lugar estableceuse a VIII Mansión da Vía Nova ou Vía XVIII que unía Braga e Astorga, cruzando o río Sil pola ponte da Cigarrosa.

Outros pobos que se estableceron nestas terras foron os suevos e os visigodos. Proba disto son as tres acuñacións de moeda, entre os anos 603 e 631, nos reinados de Witerico, Sisebuto e Suintila . Debeu ser unha época de desenvolvemento para esta zona. Pero a invasión musulmá rematou con esta situación ata que Afonso I (739-757) expulsou aos agarenos que dominaban o territorio.

Na Idade Media este municipio estivo baixo o dominio dos reis de Asturias, de León e de Galicia. Foron os condes de Lemos e de Ribadavia os últimos en ter señorío nestas terras.

Xa no século XIX (1809), tiveron lugar varios encontros entre a guerrilla e as tropas francesas. Nestas terras faleceu en 1811 unha das personaxes máis sobresalientes na defensa de España contra os franceses. Dona María Manuela de Lunas, heroína na defensa da cidade de Zaragoza, e Sancho, Capitán do Real Corpo de Artilllería, chegaron á Rúa morrendo ela nestas terras. Foi enterrada na igrexa de Santo Estevo, nome deste termo municipal ata a Idade Moderna.

 
 
TURISMO
Os pobos que habitaron nestas terras deixaron mostras da súa cultura e do seu xeito de vivir. Atopamos no concello restos prehistóricos como as mámoas de Roblido, os petroglifos da Rúa Vella, os castros da Capela en Vilela, A Coroa na Rúa Vella e o Castrillón en Fontei. Xa da época romana temos a lápida que se sitúa preto da igrexa da Rúa e na que se inscribe a carreira militar de Lucio Pompeio Reburro Fabro, a ponte da Cigarrosa pola que a Vía Nova atravesaba o Sil e, no museo provincial, os mosaicos da Cigarrosa.

Entre os edificios arquitectónicos cómpre destacar a igrexa parroquial de Santo Estevo da Rúa do séc. XVII con características astorganas. Tamén sobresaen as igrexas de Roblido e a parroquial de Fontei que presenta dúas torres laterais. Das construcións civís, ademais da ponte romana xa nomeada destaca a casa Grande de Fontei, tamén coñecida como casa Ojea, sendo unha das máis interesantes de toda a comarca.

Ademais destes monumentos, a natureza é outro dos grandes atractivos para o turista.

A construción do encoro de San Martiño posibilitou a creación dunha área de recreo para o goce dos visitantes e dos propios habitantes, ademais de ser unha das zonas de maior riqueza natural. Nela hai máis de 600 especies de arbustos e é un lugar de refuxio para numerosas aves migratorias. A súa lonxitude (7 km.) e a súa anchura (1.700 m.) fai que sexa un bo lugar para a práctica de deportes náuticos. Ademais, na grande área recreativa do Aguillón podemos gozar de diversas instalacións deportivas como pistas de tenis, polideportivo e piscinas. No lugar da Rúa Vella, preto desta área recreativa, está situado un parque fluvial no que, ademais, hai unha plantación de 'pradarius'.
Outros dous deportes que se poden practicar aquí son a pesca (de troitas) e a caza (de xabarís, corzos, coellos, perdices…).
Para os que sexan afeccionados ao sendeirismo terán a oportunidade de percorrer fermosos lugares e espazos naturais protexidos como son as Serras de Cereixido, dos Cabalos e a Enciñeira da Lastra.

SITUACIÓN
Pódese ir en tren, pois a liña férrea de Palencia-A Coruña ten parada na estación da Rúa.
Se se vén en coche cómpre ter en conta que son varias as estradas que atravesan o concello; a N-120 (Logroño-Vigo) que pasa pola capital municipal, a C-533 (que pasa por Viana do Bolo e A Gudiña e que leva dirección a Portugal) e a C-536, que une A Rúa con Ourense pasando por Trives e Caldelas.

Distancia coas principais cidades por estrada:
-A Coruña: 192 km.
-Ferrol: 201 km.
-Lugo: 106 km.
-Ourense: 89 km.
-Pontevedra: 175 km.
-Santiago de Compostela: 168 km.
-Vigo: 178 km.
 


A RÚA

 
  VISITAS = 147334 visitantes (379446 clics a subpáginas) = PAGINAS VISTAS  
 
Este sitio web fue creado de forma gratuita con PaginaWebGratis.es. ¿Quieres también tu sitio web propio?
Registrarse gratis